
Travesía
26 Maio, 2026Cibrán, un neno afeccionado ás aventuras e aos relatos fantásticos, aparece misteriosamente na cidade celta de Calión, mergullada baixo as augas por unha antiga maldición. Os habitantes cren que el é o elixido polo destino, pois leva un medallón máxico relacionado coa lendaria Illa de Avalón. Para demostrar que é o salvador que agardaban, Cibrán deberá superar tres difíciles probas que poñerán a proba o seu valor e as súas capacidades. Superadas as probas, embarca cun grupo de expedicionarios rumbo a Avalón, na procura da solución á maldición.
Ao longo da viaxe, o protagonista afrontará perigos e misterios vinculados á mitoloxía e ás lendas galegas. A aventura lévao a descubrir un mundo no que se mesturan realidade e fantasía, pasado e presente, tradición e imaxinación. Cibrán terá que demostrar que a valentía non depende da forza nin da idade, senón da capacidade para afrontar os perigos e axudar aos demais.





